O meu veciño Óscar, que nos seus anos mozos foi transportista camioneiro, coñece ben os recunchos xeográficos da comarca, incluíndo o norte de Portugal, e os seus valores patrimoniais. Por iso, abusando da amizade que nos une, cando por vacacións retorno ao terruño, pidolle que me deseñe algún roteiro, e se a poder fora   acompáñeme, para descubrir paraxes, paisaxes e tradicións desta terra chea de maxia e encanto.  
 A outra tarde Óscar, deixando por unhas horas o coidado do seu axeitado horto, convidoume a subir no seu Ford, unha reliquia  do 92, e conduciume ata a parroquia de Chandebrito no concello de Nigrán, alí onde, desgraciadamente, en outubro de 2017, tivo lugar un tráxico incendio.  
 Unha paraxe de belas panorámicas onde o colectivo "Arte no queimado", baixo a dirección do mestre Remigio Dávila, deixaron unha mostra de profundo sentimento no simbólico monumento *Rexurdimento*.  
  Foi unha agradable tarde de visita a unha zona que ofrece valores tales como: O Castro , Os Muíños do Regueiro ou O Bosque da Memoria e un horizonte cheo de fermosura.   ¡Moitas grazas amigo Óscar! e ata o próximo roteiro . X.A.Giráldez

 
REPORTAXE »