![]() |
![]() |
O
público aplaudiu a segunda edición do FIAR na Eurocidade Tui-Valença
As artes de rúa encheron de animación a fin de
semana a ambos lados do Miño, con xornadas repletas de música, maxia e
diversión
Dende a tarde do venres, cando
tiveron lugar os primeiros espectáculos, ata a última hora do domingo, o
Jardim das Amoreiras e a praça da República na Fortaleza, e o Jardim
Municipal de Valença, xunto ao Paseo da Corredoira e a praza de San
Fernando en Tui, convertéronse no escenario de 24 espectáculos de
artistas españois, portugueses e italianos que se deron cita no FIAR
2022. A música de Galiró e do Trío
Detrés percorreu as rúas da Eurocidade onde os temas musicais se
mesturaron co humor. The Buckets coa súa orixinal percusión encheu de
ritmo a tarde do sábado, mentres que Kumpania Algazarra, o sábado, e os
grupos Fóra da Pauta e Old Brige, o domingo, animaron a noite no Jardim
Municipal. O Jardim das Amoreiras acolleu na tarde do
venres a presentación das marionetas xigantes de peixes confeccionadas
polos asistentes ao obradoiro que Mandrágora ofreceu ao longo da semana
en Valença. Pola súa banda, Troula Animación percorreu con humor e maxia
as rúas de Tui co seu particular dentista. La Sincro conquistou ao público o
venres á noite na praza de San Fernando coa súas particulares
olimpíadas, mentres que, chegados dos anos 50, os personaxes de La
Coquette fixeron gala de enxeño, acrobacia e bo humor coa compañía
Kanbahiota. A tenrura da marioneta de
Catropés conquistou a pequenos e maiores no seu particular paseo polas
rúas de Valença e Tui, movendo os fíos con Animacrequetes. E aínda houbo máis, con Rolando
Rondinelli e Fermín Mora, que captaron toda a atención do público coas
súas actuacións, nas que os propios espectadores foron tamén parte do
espectáculo. Mentres, no Paseo da Corredoira, La Gata Japonesa camiñou
sobre botellas con mensaxes, e se columpiou sobre un mar que mesmo lle
falaba contaxiando o seu sorriso as persoas que se achegaron a ver ao
espectáculo. O mago Adrián Conde fixo o propio o domingo cunha calorosa
acollida por parte do público. Houbo tempo tamén para cidadáns
exemplares coma o que Comedias do Minho levou a escena o venres pola
noite. Tras o éxito e consolidación
desta segunda edición, a Eurocidade Tui-Valença proseguen o seu traballo
conxunto para comezar a trazar xa as primeiras liñas dun festival que
ten convertido ás dúas cidades na capital das artes de rúa. O obxectivo
é seguir apostando polo seu crecemento tanto en público coma en número e
calidade dos espectáculos. Agora o obxectivo é que esta proposta para o
público poida seguir mellorando ano a ano tanto nos espazos onde se
celebra coma nos horarios e tipos de espectáculos. No verán de 2023 volverá o FIAR,
xa na súa terceira edición. O Festival Internacional de Artes de Rúa
forma parte do proxecto Unicidade, co-financiado polo programa Interreg
V-A, Espanha-Portugal, 2014-2020. |